Baixo o lema «Non queremos promesas, queremos feitos», a Revolta da España Baleirada celebrará a vindeira semana os seus actos reivindicativos, entre os que se atopan a recollida de sinaturas, concentracións, lectura de manifesto e toque de campás, para conmemorar o VI aniversario da manifestación que tivo lugar en Madrid o 31 de marzo de 2019.
O pasado luns 17 de marzo os representantes provinciais e de varios movementos sociais que forman parte da Revolta da España Baleirada mantiveron unha reunión para ultimar os preparativos do sexto aniversario do nacemento deste movemento cidadán que en 2019 reuniu a cen mil persoas pertencentes a preto de 120 agrupacións de distinta índole, pero cun obxectivo común, a loita contra o despoboamento.
Un dos actos que xa está tendo lugar é a recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org, co fin de solicitar que o 31 de marzo sexa declarado «Día Europeo de Loita contra o despoboamento». Ademais de por este medio, previuse tamén a recollida en formato papel para dar a oportunidade de participar aos diferentes perfís de poboación, especialmente aos menos dixitalizados.
O domingo día 30, ás 12 horas da mañá, vanse celebrar en moitos pobos e cidades concentracións nas prazas ou lugares máis emblemáticos, desde onde se lerá un manifesto o cal destaca, por unha banda, os aspectos máis importantes que definen a identidade dos territorios despoboados, e por outro, os graves problemas que os axexan.
E, por último, o luns día 31 de marzo ás 13 horas, as campás das igrexas de moitas localidades da España baleirada soarán ao unísono lembrándonos, deste xeito, que o despoboamento continúa sendo unha realidade e que debemos seguir traballando co fin de reverter esta situación. Para a preparación deste acto contouse, ademais, coa colaboración da Conferencia Episcopal que transmitiu a solicitude feita pola organización aos diferentes bispados.