COCEDER organiza en Verín unha xornada sobre vivenda no medio rural

Comeza o programa ‘Todos los pueblos, Todas las personas, Todos los Derechos’
07/02/2025
As campás das igrexas soarán pola España baleirada
25/03/2025
Mostrar todo

COCEDER organiza en Verín unha xornada sobre vivenda no medio rural

O vindeiro 2 de abril o salón de actos da Casa da Cultura de Verín (Ourense) acollerá a xornada titulada «Do dereito ao teito, hai moito treito», organizada por COCEDER que contará coa presenza dos centros de desenvolvemento rural asociados e persoas expertas do sector para analizar a situación actual da vivenda no medio rural e explorar posibles solucións.

A xornada comezará ás 16:00 horas cunha benvida institucional a cargo de Tamara Balboa García, presidenta de COCEDER e coordinadora do CDR Portas Abertas, e Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde de Verín. A partir das 16:30 abordarase a situación da vivenda no medio rural, coa participación de Ana Pardo, (EAPN Galicia e Provivienda), quen falará sobre a precariedade da vivenda; Mª José Piñeira (Universidade de Santiago), que analizará o impacto nas zonas tensionadas e como inflúe nos territorios e Plácido Lizancos (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña), quen ofrecerá propostas de solucións.

Ás 18:00 celebrarase unha mesa redonda para compartir experiencias e alternativas na xestión da vivenda rural en distintas zonas. Nela participarán persoas expertas como Cecilia Falo López (Revivindo) de Torralba de los Sisones en Teruel, que falará sobre as barreiras humanas que dificultan o acceso a vivendas no medio rural; Juan Luis Condón Caballero, que foi alcalde durante 16 anos de Sediles (Zaragoza) e propúxose que no seu pobo non houbese ruínas; e Marc Fuster, facilitador rural do CDR La Safor en Rafelcofer (Valencia), quen presentará a iniciativa de custodia inmobiliaria.

O evento concluirá ás 19:30 coa clausura a cargo de José Paz Paz, presidente do CDR Portas Abertas, centro de desenvolvemento rural que exercerá de anfitrión neste evento que pretende ser un espazo de reflexión e debate en torno a un dos grandes desafíos actuais. Na organización colaboran tamén ademais do CDR Portas Abertas, o CDR O Viso e o concello de Verín.

O programa de sensibilización e concienciación sobre a despoboación e a necesidade de emprendemento rural no medio rural, impulsado por Coceder, está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais Consumo e Axenda 2030, dentro dos programas de interese social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF e o programa vivenda rural, proxectos piloto para a súa liberación e rehabilitación está financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 para a realización de actividades relacionadas coa promoción e implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible de España.

Ir al contenido