
O CDR Portas Abertas presenta unha investigación que recolle os relatos de mulleres migrantes e xitanas sobre as barreiras que enfrontan no emprego, a vivenda e a súa autonomía persoal.
Verín, 27/10/2026 – O Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) Portas Abertas presentou os resultados da súa Investigación sociolóxica sobre as consecuencias do racismo estrutural nas mulleres racializadas no medio rural. O estudo pon o foco no impacto que estes prexuízos teñen nos proxectos de vida e na autonomía das mulleres migrantes e xitanas que viven en contornas rurais.
A investigación, baseada en 13 entrevistas a mulleres e profesionais, dá voz directa ás súas protagonistas, evidenciando como a discriminación condiciona o seu día a día en diferentes ámbitos. Un dos exemplos dados na presentación ten que ver coa sexualización e os prexuízos: «Como eres latina, ya piensan que eres puta», relata unha das participantes sobre os estereotipos que soporta.
«Yo en mi país tenía un trabajo bien, en oficina… aquí solo cuidando personas mayores», sinala outra muller sobre a perda de recoñecemento das súas capacidades profesionais ao migrar.
«Yo no podía trabajar, no podía tener mi dinero, solo casa y a comprar… y me divorcié», explica outro dos testemuños.
As conclusións do estudo —complementadas no acto pola perspectiva de SOS Racismo Galicia— destacan que estas situacións non son episodios illados, senón expresións duns obstáculos estruturais que afectan á vivenda, á burocracia e ao mercado laboral.
Con todo, dende o CDR Portas Abertas subliñan que as participantes non deben definirse unicamente polas súas dificultades: as súas traxectorias demostran capacidade de axencia, resiliencia e proxectos de futuro. O obxectivo final é promover os cambios sociais e institucionais necesarios para garantir unha igualdade real no medio rural.
Esta investigación foi impulsada polo CDR Portas Abertas no marco do programa de investigación de COCEDER, desenvolvido en distintas comarcas rurais a través dos seus centros asociados. O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF a través da X Solidaria.
Consulta a presentación completa
Descarga a presentación con todos os resultados da análise das experiencias e barreiras na comarca de Verín.
Este sitio Web utiliza cookies propias y de terceros para analizar nuestros servicios y mostrarte publicidad relacionada con tus preferencias en base a tus hábitos de navegación. Al pulsar el botón aceptar nos da su consentimiento a nuestra política de cookies.