O CDR Portas Abertas retoma a súa actividade co impulso de «Aldeas Activas» e do voluntariado

Portas Abertas abre o prazo de inscrición na súa oferta de actividades educativas para a infancia
08/09/2026
Mostrar todo

O CDR Portas Abertas retoma a súa actividade co impulso de «Aldeas Activas» e do voluntariado

O CDR Portas Abertas retoma en setembro a súa programación no medio rural tras a pausa estival, co impulso de Aldeas Activas e dos programas de voluntariado. A entidade encara a recta final do ano despois de superar as 1.500 persoas beneficiarias en 2025.

O Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) Portas Abertas retoma este mes de setembro a súa programación no medio rural tras a habitual pausa estival. A entidade afronta esta nova etapa reforzando o seu compromiso coa veciñanza e impulsando a participación social a través dos seus programas de voluntariado —Implícate na túa comunidade e Voluntariado Ambiental— e da consolidación de iniciativas clave no territorio.

Grupo de persoas maiores traballando nun obradoiro de memoria arredor dunha mesa no local social da Moimenta
Obradoiro de memoria do programa Aldeas Activas na Moimenta.

Aldeas Activas medra na comarca de Verín

Entre os proxectos que volven á actividade destaca Aldeas Activas, que conta xa con grupos de traballo consolidados en diversas aldeas da comarca de Verín. Este outono ábrense grupos nas seguintes localidades:

  • Arcucelos
  • Gondulfes
  • A Bemposta
  • Vilardecervos
  • Ábedes
  • A Rasela
  • Matamá

Este programa, deseñado para combater a soidade non desexada e fomentar a autonomía das persoas maiores mediante obradoiros de memoria e psicomotricidade no seu propio contorno, converteuse nun alicerce para a vida comunitaria da comarca.

Participantes de Aldeas Activas decorando lámpadas artesanais nun obradoiro no local social de Arzoá
Obradoiro creativo de Aldeas Activas en Arzoá.

Quince programas de impacto social

Estes proxectos forman parte dun paquete de 15 programas de impacto social que o CDR Portas Abertas desenvolve ao longo deste 2026. A oferta abarca dende a atención á dependencia e o apoio a familias coidadoras (Vou Contigo, Cos meus) ata a conciliación e o lecer educativo (Concilia Rural, O Noso Espazo), pasando pola inclusión, a igualdade de xénero (DELAS) e a atención á diversidade (Galicia Acolledora).

  • 1.556 persoas beneficiarias na última edición, de todas as idades
  • 15 programas de impacto social en marcha durante 2026
  • 7 novos grupos de Aldeas Activas este outono

A continuidade deste labor é posíbel grazas ao financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Coa volta á rutina outonal, o CDR Portas Abertas fai un chamamento á participación veciñal e ao voluntariado para seguir construíndo un rural vivo, inclusivo e con servizos dignos para todas as etapas da vida.

Participa ou infórmate

Contacta coa sede que che quede máis preto para coñecer os grupos activos e as formas de colaborar:

Programas financiados pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia dentro da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades para o ano 2025.

Ir al contenido