

A entidade, integrada na federación UARTX, dá continuidade ao seu labor tras un 2025 no que acadou a cifra de 1.556 persoas beneficiarias de todas as idades. O financiamento da Xunta de Galicia, a través da casa do «X Solidaria» na declaración da renda, resulta clave para soster estas intervencións.
O CDR Portas Abertas encara este 2026 cunha folla de ruta clara: seguir dinamizando o medio rural e dando resposta á diversidade de necesidades da veciñanza. Grazas ao apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e á solidariedade das persoas contribuíntes con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades para o ano 2025.
O éxito da convocatoria anterior, que prestou servizo a 1.556 persoas, avala un modelo de traballo en rede que busca fixar poboación e ofrecer condicións de vida dignas en todas as etapas vitais.





Un dos piares fundamentais é a atención ás persoas maiores e ás súas familias. Baixo o lema de ofrecer autonomía no propio fogar, destacan proxectos como Aldeas Activas, que loita contra a soidade con obradoiros de memoria e psicomotricidade nas propias aldeas, ou o programa Vou Contigo, que asegura acompañamento para xestións sanitarias a persoas con dependencia que carecen de rede familiar. Tamén o programa de Apoio e formación integral a familias coidadoras, que xunto co proxecto Cos meus: Percibo, comprendo, lembro e aprendo, pon o foco en quen coida.
Para as familias, o CDR Portas Abertas mantén a súa aposta por tres proxectos: Concilia Rural, que adapta as actividades ás necesidades concretas de cada territorio para facilitar a vida laboral e familiar. O Noso Espazo, centrado no lecer educativo, hábitos saudabels e sensibilización de dereitos en colaboración directa con centros escolares e ANPAs. Por último, Familia e Comunidade, un apoio integral para fogares en situación de vulnerabilidade.





A entidade tamén reforza a cohesión social a través de programas como Capacidade Inclusiva, Rural e Activa e Unidos na Diversidade: Construíndo Comunidade, que fomentan a participación conxunta de persoas con e sen discapacidade,
A perspectiva de xénero é transversal a toda a organización, pero cristaliza de forma específica no proxecto DELAS. Doutra banda, a integración da poboación inmigrante canalizarase a través de Galicia Acolledora, mentres que a Atención ás Necesidades Básicas seguirá cubrindo urxencias en alimentación, vivenda e material escolar para aquelas persoas en risco de exclusión social. Finalmente, o Programa Integral de Intervención Comunitaria funcionará como motor de innovación para dar resposta a problemáticas emerxentes derivadas do despoboamento e o illamento xeográfico.
Este sitio Web utiliza cookies propias y de terceros para analizar nuestros servicios y mostrarte publicidad relacionada con tus preferencias en base a tus hábitos de navegación. Al pulsar el botón aceptar nos da su consentimiento a nuestra política de cookies.