
A xornada «Reverdecer», organizada polo CDR Portas Abertas, celebrada o pasado sábado 13 de decembro na Casa da Cultura de Verín, reuniu a ecoloxistas, investigadores e produtores para analizar a problemática do lume, o cambio climático e a xestión territorial en Galicia.
A intensa mañá comezou coa intervención de Greenpeace, baixo o título «O que arderá: cambio climático, lume e conservación da natureza». Os ponentes, Manoel Santos (biólogo e coordinador de Greenpeace en Galicia) e Mónica Parrilla (enxeñeira forestal e experta en incendios forestais de Greenpeace España), ofreceron unha visión crítica sobre a relación entre o cambio climático, o abandono do rural e a escalada dos incendios, instando á acción e a cambios reais na protección ambiental.
A continuación, o experto Alberte Blanco Casal (escritor, enxeñeiro e ex-director xeral de Montes) abordou o tema «Incendios, política forestal e desenvolvemento rural». Coa súa ampla traxectoria na xestión forestal e como colaborador en diversos medios e obras de investigación, Blanco Casal ofreceu unha análise profunda das políticas que marcaron o panorama forestal e o seu impacto no desenvolvemento do entorno rural galego.
Cunha visión máis bioloxista, Martiño Cabana Otero (biólogo e consultor ambiental) detallou a importancia dos acordos de colaboración para a conservación e falou da biodiversidade na rexión.
Tras un descanso e un pequeno convite, a xornada retomouse coa visión científica. O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto, presentou «Incendios forestais en Galicia: consecuencias e medidas de mitigación», analizando as severas consecuencias ecolóxicas do lume e propoñendo medidas concretas para a mitigación dos seus efectos.
A clausura das ponencias correu a cargo de Verín Biocoop Sociedade Cooperativa Galega, coa presentación «Morenas e verdes: o Ceo, a Terra, o Animal e o Home». Marina Vaz Quintillán e José Luis Vaz Fernández achegaron unha perspectiva práctica —e moi crítica— desde o mundo rural, ofrecendo un testemuño de como o manexo holístico e a gandaría ecolóxica poden ser ferramentas clave para a prevención e a xestión sostible do territorio.
Como actividade complementaria, a Biblioteca Municipal de Verín acolleu a exposición fotográfica «Lembranzas da Natureza», con imaxes de Paulinha de Arzoá, bs17photography e Jose R. Feijoo. Ademais, a actividade infantil celebrada de forma paralela, «Pequenos Repoboadores», contou cunha gran participación, contribuíndo a que a conciencia ambiental arraigue tamén entre as novas xeracións.

Este sitio Web utiliza cookies propias y de terceros para analizar nuestros servicios y mostrarte publicidad relacionada con tus preferencias en base a tus hábitos de navegación. Al pulsar el botón aceptar nos da su consentimiento a nuestra política de cookies.