Expertos analizan en Verín a problemática da vivenda no medio rural

Verín e A Limia, da man polo futuro no rural
31/03/2025
Programas actuais
10/04/2025
Mostrar todo

Expertos analizan en Verín a problemática da vivenda no medio rural

O pasado 2 de abril o salón de actos da Casa da Cultura de Verín acolleu a xornada ‘Do dereito ao teito, hai moito treito’. O evento, organizado por COCEDER, contou cunha nutrida asistencia de representantes dos centros de desenvolvemento rural asociados e diversas persoas expertas do sector, quen analizaron a problemática actual e exploraron posibles vías de solución.


Tamara Balboa García, presidenta de COCEDER e coordinadora do CDR Portas Abertas inaugurou a xornada acompañada por Puri Caldelas, concelleira de Desenvolvemento Rural de Verín. Balboa debullou con datos a “escandalosa realidade” da Comarca de Monterrei onde algúns concellos teñen “ata o 70% da súa vivenda baleira, como é o caso de Laza”.


A continuación desenvolveuse un interesante panel sobre a situación da vivenda no medio rural moderado por Elena Martínez Orbegozo, coordinadora da Fundación Edes, Tapia de Casariego (Asturias). A primeira das participantes, Ana Pardo, de EAPN Galicia e Provivienda, destacou que “é necesario aplicar os mecanismos xa existentes para penalizar que a vivenda estea baleira e promover que saia ao mercado de aluguer, facendo referencia á Lei de vivenda e o recargo do IBI sobre os inmobles desocupados”.

Tamén insistiu na necesidade de “xerar seguridade nos propietarios das vivendas” a través de diferentes mecanismos como a intermediación no pagamento, o seguro multirrisco e o asesoramento e apoio de entidades, como é o caso de Provivienda que actualmente actúa como avalista nestes procesos.

Mª José Piñeira, da Universidade de Santiago, analizou o impacto da situación da vivenda nas zonas tensionadas e como esta inflúe no desenvolvemento dos territorios rurais, apelando a unha “maior cooperación entre os profesionais das entidades sociais e das institucións académicas e instando a que desde o Goberno do Estado non se poña toda a pelota no tellado dos Concellos tamén en materia de vivenda”.


Por último, Plácido Lizancos, da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, achegou algunhas solucións innovadoras e compartiu a súa preocupación ao considerar que “é complicado deseñar solucións adaptadas ao medio rural cando a gran maioría de persoas que estudan arquitectura non proceden de zonas despoboadas e polo xeral son alleas a esa realidade”. Citou o caso da Universidade da Coruña na que de 225 estudantes nun dos cursos, só había un que procedía dun municipio de menos de 5.000 habitantes.


A segunda das mesas redondas foi ‘Compartindo experiencias e alternativas na xestión da vivenda rural’, moderada por Pablo Rodríguez Polo, facilitador rural no Centro de Desenvolvemento Rural El Prial (Asturias). Primeiro proxectáronse algúns vídeos de experiencias que se están levando a cabo en Fundación Vivienda digna de Granada e Reviviendo. A continuación, Juan Luis Condón Caballero, exalcalde de Sediles (Zaragoza), relatou os pormenores das súas iniciativas para revitalizar o parque de vivendas do seu municipio, eliminando as ruínas e ofrecendo novas oportunidades. Criticou o exceso de trabas burocráticas que existen e apelou a que a lexislación se adapte á realidade.


Finalmente, Marc Fuster, facilitador rural do CDR La Safor (Rafelcofer, Valencia), presentou a interesante iniciativa de custodia inmobiliaria como ferramenta para facilitar o acceso á vivenda na que o propietario aluga e mantén a titularidade, obtendo unha revalorización ao beneficiarse das rehabilitacións sen custo.


Clausurou a xornada José Paz Paz, presidente do CDR Portas Abertas, o centro de desenvolvemento rural que exerceu de anfitrión deste relevante evento. Paz subliñou a necesidade de continuar traballando conxuntamente para superar os desafíos existentes e garantir o dereito a unha vivenda digna no medio rural.

A segunda xornada de traballo desenvolveuse a nivel interno e os profesionais dos centros de desenvolvemento asociados a Coceder estableceron as bases para a redacción dun manifesto e propostas adaptadas ás necesidades específicas da vivenda no medio rural.

Ir al contenido